
FSIE quere deixar claro que esta convocatoria responde a intereses exclusivamente de organizacións do ensino público, e que en ningún momento existiu no sector do ensino concertado reunión sindical algunha que estudase a folga ou algún tipo de mobilización relacionada con este asunto das reválidas.
A postura de FSIE sobre este tema, e que entre outros transmitiu ao ministro de Educación no seu último encontro e ás distintas formacións políticas antes das últimas convocatorias electorais, é que non somos partidarios dunhas reválidas que sirvan para outorgar a titulación, considerando que é máis importante a avaliación continua realizada polos docentes. Non cremos nestas probas por non ser probas de diagnóstico, posto que os seus resultados non serven para a mellora do sistema nin axudan a superar os problemas que puidesen afectar a alumnos ou profesores. Ademais, poden dificultar o progreso dos alumnos no sistema e o seu acceso á universidade ou a FP.
Por outra banda, a súa aplicación deixa pendente unha cuestión de fondo de vital importancia como é que ocorre con aqueles alumnos que non as superan e, no referido á súa aplicación, deixan fóra do proceso de avaliación aos profesionais do ensino concertado, constituíndo unha discriminación dos docentes destes centros con respecto aos seus compañeiros da función pública, cuestión que levou a FSIE a interpór un recurso de impugnación do decreto que regula as avaliacións finais de ESO e Bacharelato ante o Tribunal Supremo.